Recupéranse para a serie Literaria da colección Xerais Peto, os cinco relatos polos que Darío Xohán Cabana obtivo o Premio Cidade de Lugo. Cinco relatos que son un canto á liberdade, tanto individual como colectiva. Cinco contos, descaradamente sentimentais e nostálxicos. Vidas senlleiras, o libro de relatos co que Darío Xohán Cabana obtivo o Premio Cidade de Lugo, recupérase para a colección Xerais Peto. Literaria. Vidas senlleiras é un canto á liberdade, tanto individual como espiritual ou colectiva (Paco Martín). Italo Calvino trasloce a través do tecido destes contos, descaradamente sentimentais e nostálxicos (M. Sousa). Cinco relatos, engarzados pola pertenza común dos seus protagonistas ó xénero solitario. Unha soidade, ás veces buscada e outras forzosa, que termina por darlles un sentido tremendo ós seus posuidores (Leer, Vicente Araguas). Consciente das técnicas do relato oral, D. X. Cabana abre e fecha as distintas caixas das que resultan múltiples historias que van deseñando todo o percorrido e todo o universo que define aos protagonistas (Faro de Vigo, Ramón Nicolás). Hai cinco protagonistas cos que o lector acaba compartindo loucuras, pensamentos... Por detrás de todos eles circulan as imaxes doutros xa clásicos heroes da literartura universal: Robin Hood, Robinson Crusoe... vidas tamén feitas desde os máis íntimos recunchos de espíritos aventureiros (El Correo Gallego, Xavier Castro). Ninguén pode negar que Darío Xohán Cabana é un dos escritores galegos que mellor coñece o idioma, tanto nas variantes cultas como nas populares (A Nosa Terra, XGG).
Ficha técnica
Editorial: Xerais
ISBN: 9788483024140
Idioma: Gallego
Número de páginas: 136
Tiempo de lectura:
3h 9m
Encuadernación: Tapa blanda
Fecha de lanzamiento: 15/05/2001
Año de edición: 1999
Plaza de edición: Vigo
Alto: 17.0 cm
Ancho: 11.0 cm
Especificaciones del producto
Escrito por Darío Xohán Cabana
Darío Xohán Cabana (Roás, 1952) traballou en Edicións Castrelos, foi liberado sindical, garda municipal e, finalmente, funcionario do Concello de Lugo. Desde 1987 elaborou o encrucillado galego diario en «La Voz de Galicia», foi membro do Consello de Redacción de «A Trabe de Ouro» e académico numerario da Real Academia Galega desde o 2006. Como poeta obtivo, entre outros, os premios Cidade de Ourense (1982 e 1986), Celso Emilio Ferreiro (1983 e 1986) e Martín Códax (1994). É autor de distintos libros de poesía, reunidos no volume «Vinte cadernos. Poemas 1969-2002» (Xerais, 2003), e de «Cabalgada na brétema» (2006). Galardoado tamén como narrador, destacan «Galván en Saor» (Premio Xerais de novela, 1989), un clásico da literatura galega recente; «Fortunato de Trasmundi» (Xerais, 1990); «Vidas senlleiras» (Premio Cidade de Lugo, Xerais, 1992), a partir dun seu conto, fíxose a película «A mariñeira» (Antón Dobao, 2008); «O cervo na torre» (Premio Xerais de novela, 1994), «Morte de rei» (Xerais, 1996) e «Mitos e memorias» (Xerais, 2003). Escribiu tamén para o público infantil e xuvenil «As aventuras de Breogán Folgueira» (Xerais, 1990), «Chucho Cacho» (Xerais, 1994), «As viaxes do príncipe azul» (1993), etc. En 1991 foille outorgada a Medalla de Ouro da cidade de Florencia pola súa tradución d'«A divina comedia» de Dante. É autor, ademais, de antoloxías, guías, traballos historiográficos e biografías como «A chegada a Lugo do primeiro tren» (2005) ou «Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra» (Xerais, 2008). A súa traxectoria biográfica está recollida no libro «Conversas con Darío Xohán Cabana. Vida e escrita» (Xerais, 2007). Nos seus últimos anos dedicouse fundamentalmente á tradución: os trobadores occitanos, de novo Petrarca e Dante (2011, 2012 e 2014) e varias novelas francesas. «A música das palabras. De lingua e literatura, 1990-2021» (Xerais, 2022), é unha recompilación de pequenos ensaios en forma de artigos e conferencias. Morreu o 16 de novembro de 2021 deixando máis de 50 libros publicados e unha inmensidade de ideas, palabras e proxectos na gabeta.