Dez relatos sorprendentes, cheos de acción e invadidos por unha forte tensión emotiva compoñen a obra de madurez deste escritor betanceiro de 40 anos. As armas delicadas é unha viaxe ata un dos momentos máis sórdidos da historia actual española, os primeiros anos da postguerra. Con relatos de maquis e fuxidos como pretexto, o autor amosa aquí ata onde pode chegar o ser humano en condicións adversas. Un rosario de personaxes arrincados da historia e do mito aparecen nestas páxinas dotados da súa auténtica dimensión humana, ós que autor converte, se cabe, en aínda máis grandes ou máis viles do que a tradición oral foi confeccionando ó longo dos anos. Momentos de heroísmo, rancor, tenrura e brutalidade campan na acción desenvolvida por estes homes que un día foron os tristes poboadores das montañas galegas. Tamén aparecen os seus perseguidores, �os cazadores de fuxidos�, que viven coa obsesión de aniquilar toda resistencia contra o fascismo, e os aterrados habitantes das vilas que tentan sobrevivir agochados baixa a liña de fogo daquela guerra somerxida que durou anos. A descrición da barbarie dos asasinatos, as torturas, o cárcere e o exilio vese aliviada pola poesía da paisaxe lunar e acuosa que envolve ós fuxidos. E o amor aparece como o único remanso de paz posible entre a voráxine de morte e destrucción. Estro Montaña adopta un estilo áxil e un ton irónico que logra esvaer por momentos a tensión destes relatos kafkianos. Sérvese de tramas propias dos mellores guións de filmes de suspense e de finais sorprendentes para xogar co lector. Nestes dez relatos aparecen referencias a traxedias como a matanza do bou Eva, acaecida no porto de Vigo en 1937, a personaxes de fábula como o Foucellas ou o aviador de Ourense que loitou no bando aliado contra Hitler na Segunda Guerra Mundial e tentou, sen éxito, abrir un corredor ata Lisboa para salvar os homes da resistencia francesa, así como referencias a certos escuros servidores do Movemento que actuaron impunemente e sen compaixón na guerra civil declarada contra os fuxidos.
Ficha técnica
Editorial: Xerais
ISBN: 9788483021309
Número de páginas: 145
Encuadernación: Tapa blanda
Fecha de lanzamiento: 16/05/2001
Año de edición: 1997
Plaza de edición: Vigo
Especificaciones del producto
Escrito por Estro Montaña
Estro Montaña (Betanzos, 1956) realizou estudos de Dereito e Filosofía na Universidade de Santiago. É escritor, profesor de Literatura e crítico literario. Como narrador publicou as novelas La última isla (1993), Pancarta para Xulia (1994) e O tesouro de Catoira (2010); o libro de relatos As armas delicadas (Xerais, 1997), e unha crónica novelada sobre Dona Urraca (2008). É autor dunha biografía sobre Diego Xelmírez (2007) e de libros de viaxe como A costa da morte: un litoral insólito (1999) e Polos vieiros do vello Miño (2005). Como ensaísta escribiu Guía comentada de Rafael Dieste (2006), e participou en libros como Sempre en Auria (Xerais, 1993) e Rafael Dieste. Heterodoxia e paixón creadora (Xerais, 1995). Foi membro do consello de redacción de Galicia Literaria e do Faro das letras e colaborou en varios diarios e revistas de Galicia, moi especialmente nas páxinas de Faro da Cultura.