«De súpeto, unhas mulleres guindaron pedras contra a casa do alcalde e, coma unha castaña sen picar no lume, estourou a rebelión. A irrupción da Infantería e Cabalería da Garda Civil desatou o pánico e comezaron caer corpos ao chan. Cachita liscou a fume de carozo. "Teño que ir, Lucía, pareceume ver a mamá!" Corrín atrás dela, subín ao faiado, apañei o meu prezado paraugas encarnado e tendinllo: "Terma, necesitarás algo para te defenderes".» En 1918 prodúcese na bisbarra de Ferrol a coñecida como «Revolta das pedradas», un movemento liderado por mulleres que protestaban pola alza do prezo da fariña e a escaseza de provisións. Como consecuencia da Gran Guerra, os comerciantes acaparaban produtos de primeira necesidade para vendelos fóra a un custe máis elevado e, o pouco que distribuían, tiña prezos prohibitivos. Fartas das restricións e da inacción das autoridades, as mulleres (labregas, panadeiras, obreiras) e os traballadores do arsenal organizaron comisións e convocaron folgas, manifestacións e asaltos a comercios para requisaren alimentos de primeira necesidade. Nese contexto convulso nace a amizade inquebrantable entre as nenas Lucía e Cachita. «Cachita, o paraugas e mais eu» é o terceiro título da colección Pequena Memoria, para recuperar as voces silenciadas da historia.
Rosa Aneiros (Meirás-Valdoviño, 1976) é xornalista e traballa no Consello da Cultura Galega. Colabora habitualmente en distintos medios de comunicación. En 1999 presentou a súa primeira novela, «Eu de maior quero ser», á que seguiron «Corazóns amolecidos en salitre» (2002); «Resistencia» (Xerais, 2003), Premio Arcebispo Xoán de San Clemente 2003; «O xardín da media lúa» (2004); «Veu visitarme o mar» (Xerais, 2004); «Ás de bolboreta» (Xerais, 2009), Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro xuvenil 2009 e Premio The White Ravens (Internationale Jugend Bibliothek) 2010; «Sol de Inverno» (Xerais, 2009), Premio Xerais de Novela; «Sibila» (Xerais, 2021) e «A noite das cebolas» (Xerais, 2024). En 2013 publica o primeiro título da triloxía «Ámote Leo A.»: «Ámote Leo A. Destino xalundes» (Xerais, 2013), ao que seguiron «Ámote Leo A. Estación de tránsito» (Xerais, 2014) e «Ámote Leo A. Terminal de chegadas?» (Xerais, 2014). Na colección Sopa de Libros de Xerais publicou «Orestes perde o sentido!» (2019) e, na colección Merlín, «A batalla da pequena Chañan Curi Coca» (2017), «Xelís, o guieiro das botellas de mar», Premio Merlín de Literatura Infantil 2019, «Tres bichicomas, dúas illas e unha serea» (2020), Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade 2018, «Catro plumas de dinosauro» (2022) e «Faísca, a nena neandertal» (2024). Fotografía da autora: Manuel G. Vicente.