Cancións que farán as delicias das nenas e nenos, con ritmos universais arraigados na música tradicional, e un acompañamento estético e cromático baseado nas técnicas artesanais. “Tic tac” é un libro-cd que combina música e ilustracións, para público infantil a partir de 3 anos de idade. Trátase dunha obra para ver, escoitar e cantar, tanto en familia como na escola, como complemento das clases de Educación Musical. Neste primeiro traballo musical en solitario, Pablo Díaz fai un amplo percorrido por distintos ritmos cos que -dende a perspectiva do folk- abarca a universalidade da música, dende o xénero clásico ata o jazz, pasando polo rock, o soul, o swing e os ritmos latinos.
As 16 cantigas do disco abordan temas próximos aos cativos, como a natureza, o mar, os animais ou o fogar, de xeito que tamén adquiren vocabulario e fórmulas de expresión a través da música.
O libro compleméntase cunhas orixinais ilustracións realizadas coa técnica do linogravado, un método artesanal recuperado por Marc Taeger coa intención de afondar no caracter tradicional da obra.