"Este libro existe gracias a meu ben querido amigo e poeta Celso Fernández Sanmartín, que xuntando a nenos de a cinco e a vellos de a 100 nunha residencia de anciáns, tiveron a ben escribirme e mandarme debuxos de baleas.Con eses debuxos e esas experiencias tentei escribir un libro que fora para todos: poemas de adultos para nenos e poemas de nenos para adultos coa intención de que a lectura fora conxunta, as explicacións e entendementos recíprocos, e de que as risas, se as houber, foran compartidas. Do que si estou certo, é de que todos estes textos nunca estarán á altura do acontecido eses días, e de que, etesa eu onde estea, e pasen os anos que pasen, eu sempre vivirei alí, con eles:habitando entre cetáceos."
Este é o primeiro libro de Estevo Creus. Un autor que tamén acaba de ser galardonado, por outro libro máis recente, inédito, co Premio González Garcés. A cidade oculta destes poemas ten como ámbito protagónico a memoria. Desde a cita inicial de Moacyr Sclian ata os últimos versos o poeta camiña na procura da recordación porque 'a memoria é un animal con solitaria'. O libro divídese en cinco itinerarios, con cadanseu argumento e introducidos por citas. Así, no primeiro coñecemos a soidade; no segundo o tránsito polo deserto e a redescuberta do amor; no terceiro a presencia da morte en imaxes ben pouco tradicionais; no cuarto o non-regreso, e finalmente no quinto réndeselle culto á memoria. Malia esta estructura, o libro é intencionadamente caótico, intencionadamente confuso e envurullado, con versos breves e longos, prosas e pausas inoportunas. Os poemas contan unha historia sen os clásicos asunto e desenlace, chea de imaxes ás veces alegóricas, moitas delas inéditas na nosa lírica. Unha poética moi de seu, persoalísima, que non segue camiños trillados na literatura galega.