Mariasun Landa, unha das autoras máis coñecidas e valoradas da actual literatura infantil e xuvenil en euscara, publica o seu primeiro libro en lingua galega, Miña man na túa. Texto breve e intenso, narra a historia da fuxida da casa dun adolescente, Xabier, que pretende chamar a atención da súa nai, viúva, cando esta comeza unha relación sentimental. Os problemas centrais desa difícil idade fronteiriza da preadolescencia son abordados con grande acerto nesta novela: a busca da identidade propia, o primeiro amor, as relacións coas persoas adultas no ámbito familiar... Novela moi conmovedora, narrada en primeira persoa, amosa de xeito fermoso e desacarnado un conflicto familiar, vivido coa intensidade e a paixón propia da adolescencia.
Belarmino é un pequeno avión de pasaxeiros que fai a liña de Cangas a Vigo. Unha noite, mentres voaba polo ceo, estragóuselle unha das súas ás, e o Aire e a Lúa tiveron que axudalo. Menos mal que de alí a un pouco, chegaron nunha lancha o Ferreiro de Tirán e mais John Balan, vellos amigos de Belarmino, que lle soldaron a á. Un día, estando xuntos o Ferreiro, Belarmino e John Balan, a quen salvaran dos irmáns Dalton, souberon que o presidente de CAMPASORE, a compañía de transportes por mar, acababa de iniciar unha campaña contra Belarmino, aproveitándose do accidente.Belarmino ten cada vez menos pasaxeiros, entón monta coa axuda dos seus amigos unha compañía de mensaxes postais entre o sur e o norte de Galicia. A compañía é un éxito total e todo volve ir ben para Belarmino. Un día de tormenta no mar, Belarmino salva ó presidente de CAMPASORE, que estaba en perigo de morrer afogado. Este, arrepentido, vólvelle ó avión o creto que lle quitara por mor do accidente. Belarmino acada unha grande popularidade. Co paso do tempo, o avión retírase e deixa a compañía noutras mans. El segue cos seus amigos e, de cando en vez, dá un paseo polo ceo da ría, para poder falar coa Lúa e o Aire, os seus amigos primeiros.