Sinopsis de O BESTIARIO CIENTIFICO DE ANXOS NOGUEIROSA
I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil
1933. Aos seus trece anos, Suso é obrigado a pasar o verán nas colonias do Sanatorio Marítimo de Oza por mor da súa mala saúde. No traxecto en tren cara ao seu destino estival, chega ás súas mans un caderno cun misterioso título na cuberta: Liber bestiarium scientificus. Cando Suso decide mergullarse nas súas páxinas, lonxe está de saber que ese intre marcará un verán cheo de aventuras na compaña de Tila, unha rapaza das colonias coa que acabará forxando unha bonita amizade.
Antonio M. Fraga (Nogueirosa, Pontedeume), é escritor e enxeñeiro técnico industrial. Comeza a súa andaina como narrador en 2013, ano en que acada o Premio Merlín de Literatura infantil con "O Castañeiro de Abril". Posteriormente publicou en Xerais "Tártarus" (2016), na colección Fóra de Xogo, "Escaquis e Romeu" (2018), na colección Sopa de Libros e "Papá Caníbal" (2021), na colección Merlín. En 2018 obtén o I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil por "O bestiario científico de Anxos Nogueirosa", título polo que acadou o premio da Gala do Libro Galego 2019 á mellor obra xuvenil e que foi incluído na Lista de Honra IBBY do ano 2022. En 2020 gaña o Premio Jules Verne de literatura xuvenil con "santoamaro", novela seleccionada na lista White Ravens de 2021 elaborada pola Internationale Jugendbibliothek de Múnic e que tamén foi distinguida co Premio Follas Novas do Libro Galego ao Mellor Libro Xuvenil do ano 2021. Algúns dos seus títulos foron traducidos a idiomas como o castelán, o inglés, o catalán ou o éuscaro.