A obra de Ramón Cabanillas (1876-1959) ocupa, sen dúbida, un lugar sobranceiro dentro da historia da dramaturxia galega. Poeta de prestixio incuestionable no seu tempo e figura indiscutida dentro do panorama das nosas letras, a traxectoria teatral do autor cambadés desenvólvese no marco das iniciativas a prol da normalización cultural promovidas desde as Irmandades da Fala. Os resultados dese labor móstranse, xa que logo, a través de obras como A man de Santiña -estreada en 1919 e publicada en 1921- ou O Mariscal -publicada en 1926-: pezas que nacen, polo tanto, nun momento de efervescencia nacionalista e tamén como producto do convencemento de que o teatro podía e debía constituír un instrumento galeguizador fundamental. Desta maneira, a obra dramática do autor cambadés inaugura unha auténtica nova xeira na nosa producción teatral: a dramática nacional, rompendo progresivamente, ademais, coa estética do realismo costumista ruralizante do teatro rexionalista anterior a el.
O poeta Manuel Luís Acuña (1900-1975), un dos nosos escritores da xeración de vangarda máis inxustamente esquecido, foi autor dun único poemario que agora se presenta nesta edición actualizada que procura resituar a obra de Acuña no panorama poético de preguerra, rescatándoa do silencio a que foi sometida, para poñela á altura doutras voces máis coñecidas como Manuel Antonio, Armado Carballo, Álvaro Cunqueiro ou Bouza Brey. A súa poesía, que constitúe por dereito propio parte do máis salientable da actividade lírica da xeración á que pertenceu, caracterízase principalmente por un esencialismo conceptual de marcado ton vangardista e posúe méritos suficientes para que poida converterse nunha auténtica revelación para o lector de hoxe en día que non coñeza a súa producción.