Nacido a fins de 1928 na aldea de Gres (Vila de Cruces, Pontevedra) e residente en Cuba desde 1961, Xosé Neira Vilas é un dos narradores contemporáneos de maior éxito nas nosas letras, sobre todo a través de volumes emblemáticos como Memorias dun neno labrego, Cartas a Lelo, Aqueles anos do Moncho (número 12 na nosa colección), Remuiño de sombras ou Tempo Novo. Partindo dun consciente proxecto de tradicionalismo narrativo, Neira Vilas mostra unha constante preocupación por transmitirnos a súa vivencia e mais a súa visión da Galicia interior e da Galicia emigrante, contempladas en moitas ocasións desde os ollos dun neno/adolescente. Toda esta perspectiva xorde nítida para o lector da selección de relatos que constitúe Contos de tres mundos: unha ollada comprometida co país e mais coas xentes que o habitan, amparada sempre desde unha prosa de pulso firme e certeiro.
Unha boa parte da obra de Xosé Neira Vilas (1928) aliméntase dos seus recordos de infancia: a pequena aldea de Gres á beira do Ulla, que deixou en sendo mozo para emigrar a América en 1949. O escritor volve teimosamente sobre a memoria, agrandada dende a distancia, porque aquí están as raíces, a pequena patria, o principio do mundo. En Aqueles anos do Moncho, publicada por primeira vez en 1977, Neira Vilas recrea de novo aquelas paisaxes nativas que tan ben coñece, homes e mulleres, íntimas xeografías, a sombra do medo e a guerra civil a través do corazón do neno. A madurez plena dun dos nosos clásicos vivos.