"Lonxe aínda da plenitude do gran Soño cómpre escoitar o rumor do imposible". Revisitando con estas palabras o sempre suxestivo pensamento de Rimbaud, comenza o texto asinado por Xavier Seoane e Antón Patiño, Hai suficiente infinito, unha fermosa e profunda reflexión arredor do problema da creación artística no mundo actual. Dende unha óptica postmoderna a pluma destes autores fía un longo percorrido de desexos, inquedanzas e intencións que, ó xeito dun Manifesto, apostan por un entendemento da creación como radical acto de liberdade, unha capacidade de acadar o máis aló do imposible, a utopía nun tempo confuso, fragmentario e alienante. Partindo desta premisa o texto proclama o feito creativo, en toda a súa nudez e intensidade, como "unha viaxe ás marxes da conciencia", un iniciático camiño cara un futuro imperfecto onde reina a mestizaxe, a recuperación da sensualidade e da cartografía do corpo e un ámbito para a demasía fronte á racionalidade, para a natureza fronte á máquina, para as sombras, as crebas e as transgresións fronte á ortodoxia dun discurso politicamente correcto. Co fluír da súa linguaxe poética Hai suficiente infinito asume a recuperación das orixes como xeratriz da arte, sen que isto impida salvagardar con vehemencia a pluralidade da creación, a dinámica interactiva da cultura fronte aos localismos e os falsos signos de identidade.
Ficha técnica
Editorial: Xerais
ISBN: 9788483023006
Número de páginas: 67
Encuadernación: Tapa blanda
Fecha de lanzamiento: 15/05/2001
Año de edición: 1998
Plaza de edición: Vigo
Especificaciones del producto
Escrito por Antón Patiño y Xavier Seoane
Antón Patiño (Monforte, 1957) é pintor, pero a poesía ocupa un espazo central na súa vida. Autor do libro de poemas "Océano e silencio" (2006), fixo tamén achegas relevantes sobre a poesía de Uxío Novoneyra e Lois Pereiro. Colaborou na revista "Loia" e co grupo de comunicación poética Rompente. Foi membro fundador de Atlántica. Con Xavier Seoane escribiu o manifesto "Hai suficiente infinito" (Xerais, 1999). O seu último libro é "Escritos de un sonámbulo" (2011).
Xavier Seoane (A Coruña, 1954). Escritor, profesor, conferenciante, articulista, comisario de exposicións e organizador cultural, participa desde a década de 1970 na renovación cultural, artística e literaria de Galicia. Formou parte de movementos con artistas plásticos. Foi membro fundador da revista e foro «Luzes de Galiza» e do grupo poético «De amor e desamor». Na súa poesía destaca «Don do horizonte» (1999), que recolle o conxunto dos seus libros poéticos; posteriormente publicou os poemarios «Dársenas do ocaso» (2002), «Vagar de amor e sombra» (2004), «Para unha luz ausente» (2006), «Do ventre da cóbrega» (2008), «Raíz e soño» (2009), «Espiral de sombras» (2013), «Threnói» (2016) e «A póla branca» (Xerais, 2020). No ensaio artístico editou «Identidade e convulsión» (1990), «Reto ou rendición» (1994), e libros, ensaios, catálogos e artigos sobre numerosos artistas. No ensaio humanístico, «Atravesar o espello» (Xerais, 2000), unha defensa da lectura; «O sol de Homero» (Xerais, 2002), unha reflexión sobre a función da poesía; «Saudar a vida» (Xerais, 2007), sobre a relación entre as humanidades e as ciencias; «Todos somos Ulises» (Xerais, 2016) e «Lingua de Eva e Adán» (2018). Na narrativa publicou as novelas «Ábrelle a porta ao mar» (2000), «Filiberto e Sofonisba» (2010) e «A Dama da noite» (2014), esta última sobre Rosalía de Castro. No aforismo, «Irispaxaros» (1984), «A rocha imantada» (2011) e coordinou o libro «Os aforismos do riso futurista» (Xerais, 2017). En 2021 estréase na colección Merlín de Xerais co libro de poemas infantís «Cancións para Ana Lúa», con ilustracións de Correa Corredoira. Entre outros, recibiu os premios Cidade da Coruña, Esquío, Caixanova, Crítica Española e Espiral Maior. A súa obra está traducida a varios idiomas e foi seleccionada en múltiples antoloxías.