O medo. Un xuramento de sangue. O fulgor dunha moeda romana. O voo dunha mosca sobre o mantel da cociña. O rastro dunha nova especie de lesmas. A rutina dun autobús escolar. A transparencia dunha piscina. A soidade dun tobogán. O misterio dunha carta sen remitente. O canto do vento nunha mansión á beira do mar... Colle unha manta, prende unha luz suave, ponte a gusto no teu sofá preferido. É a hora de experimentar o pracer nada culpable do medo. Porque neste bosque de relatos os paxaros non cantan. E o misterio segue aí, a agardar por nós, como unha pantasma familiar, como un desasosego que nos leva de viaxe ao territorio do alén.
(Carlos Negro (Lalín, 1970) iniciouse no xénero poético con As laranxas de alí babá (1998). En Xerais ten publicado Far-West (2001); Makinaria (2009); Penúltimas tendencias (2014), Premio da AELG á mellor obra de literatura infantil e xuvenil; Masculino singular (2016) ou Aplicación instantánea (2018), Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Recibiu tamén o Premio Johán Carballeira polo poemario Héleris (2003), o Victoriano Taibo por Cultivos transxénicos (2008) e o Fiz Vergara Vilariño por Tundra (2017). Ensaiou o xénero satírico no dicionario Abelcebú (2010), de carácter burlesco. Nos últimos anos vén desempeñando un continuo labor de achegamento da poesía ao público xuvenil, a través de recitais e obradoiros por toda Galicia. En 2018 recibiu o Premio dos Clubs de Lectura que outorga a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia ao autor máis lido do ano 2017. Non cantan paxaros neste bosque (Xerais, 2021) é a súa última obra.